Wednesday 15 de May de 2024

Sete prestixiosas corais da Coruña protagonizan o XXXII Certame de Música de Nadal, que terá lugar este domingo 17 no Palacio da Ópera


La Antigua, Sagrada Familia, a Polifónica Coruñesa Canticorum, a Sancta María Maris, a coral do Sporting Club Casino, El Acorde Secreto e a Coral Polifónica Follas Novas actuarán nun concerto con acceso de balde

O Concello da Coruña, a través da Área de Fomento e Promoción da Cidade, dá continuidade esta fin de semana á programación cultural de Nadal, que chega este domingo 17 ao Palacio da Ópera coa celebración da Gala do XXXII Certame de Música do Nadal Cidade da Coruña.

Esta iniciativa, impulsada pola Coral Polifónica Follas Novas, forma parte das celebracións clásicas destas datas festivas na Coruña, e “pon en valor a tradición das corais e agrupacións culturais con arraigamento na cidade, unha tradición que o Goberno municipal quere visibilizar e achegar ao máximo á cidadanía, cunha perspectiva interxeracional con vistas ao futuro”, subliñou a alcaldesa, Inés Rey.

Neste sentido, o concerto deste domingo contará co protagonismo de sete corais de recoñecido prestixio e percorrido na historia da cidade: son La Antigua, Sagrada Familia, a Polifónica Coruñesa Canticorum, a Sancta María Maris, a coral do Sporting Club Casino, a coral El Acorde Secreto e a Coral Polifónica Follas Novas.

O espectáculo deste domingo 17 de decembro, que comezará ás 20.00 horas, será de acceso libre ata completarse a capacidade prevista no recinto.